Francisco Fernández del Riego

Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia

As Letras Galegas neste maio fan os 60 anos. Daquela semella moi acaído que se lle dediquen a quen propiciou e nos regalou esta celebración: Don Francisco Fernández del Riego.

Este neno de Lourenzá que lía libros de noite e de día; que en Madrid descobre a literatura en galego e o galeguismo; que en Compostela reivindica un estatuto para unha Galicia republicana e democrática; e tras da contenda, nun incipiente Vigo industrial, loitará pola recuperación do propio, vai ser difícil resumilo en sete palabras.

Ímolo tentar neste setestrelo e se non somos quen… Don Paco hanos perdoar.

1

galeguista

Relativo ou pertencente ao galeguismo / Partidario do galeguismo

Francisco Fernández del Riego comeza a súa andaina como universitario en Madrid. Alí é cando esperta a súa conciencia galeguista, esta xorde grazas á lectura da obra de Rosalía de Castro, Curros, Antón Villar Ponte e, dun xeito particular, á descuberta da Teoría do nacionalismo de Vicente Risco; mais tamén por unha vivencia persoal ao descubrir como na capital do Estado facían mofa dun compañeiro por ser e se manifestar como galego. Desde a volta a Lourenzá no verán onde pronuncia un manifesto o 25 de xullo desde o balcón da casa do concello inicia un camiño que o levará ao galeguismo.

Fotografía da homenaxe a Castelao en Lugo á que asistiu Fernández del Riego. Fonte: Arquivo da RAG

Trasládase a Compostela para continuar a súa carreira universitaria e nesta cidade incorpórase á vida política activa da man de Lois Tobío no Seminario de Estudos Galegos, coñece  persoeiros como Otero Pedrayo, Risco e o seu amigo Ricardo Carvalho Calero... Con Ángel Casal e a Editorial Nós accede á vida cultural e convértese nunha sinatura habitual na prensa e nos semanarios galegos, todos eles marcados pola ideoloxía galeguista e progresista, desde as páxinas dos xornais solicita a introdución da lingua galega na docencia universitaria, entre outras cousas. A súa actividade, xa como profesor, a favor do Estatuto e como membro activo do Partido Galeguista fai que tras o estalido da Guerra Civil fose cesado e inhabilitado e, ante a represión e o fusilamento dos seus compañeiros, se vise na obriga de se presentar a filas no bando nacional. Logo trasladouse a vivir a Vigo (onde era menos coñecida a súa traxectoria política) e, malia o perigo que representaba, volveuse a enlear na revitalización do Partido Galeguista e na loita polo galeguismo desde a clandestinidade.

O termo galeguista é un vocábulo derivado da palabra galego que vén do latín gallaecus ‘galego’ á que se lle engade o sufixo ­ista, elemento formador de adxectivos. Os galeguistas son os ‘adeptos, seguidores ou partidarios de...’, neste caso, do galeguismo, que se define como a “afección a Galicia que se funda na defensa e mellora dos aspectos políticos, sociais e culturais que constitúen a súa identidade nacional”.

2

activista

Partidario do activismo / Relativo ou pertencente ao activismo

Na imaxe dando unha conferencia no Liceo Compostelano sobre a literatura galega do s. XX (1935). Fonte: Arquivo Biblioteca Fernández del Riego

O noso autor desde mozo defendeu e reivindicou os dereitos da cidadanía galega, feito que o converteu nun verdadeiro activista das causas que consideraba xustas. Comezou en Madrid onde acode a diferentes actos de protesta e a manifestacións en defensa dos estudantes e dos presos políticos reprendidos duramente durante a proclamación da II República. Posteriormente en Santiago de Compostela a súa actividade pública foi moi relembrada, e, como membro da FUE e líder universitario, reclamaba o acceso dos estudantes aos órganos de goberno da Universidade e a galeguización da institución.
Por unha banda, amósase como un brillante orador nos actos universitarios nos que participa, en múltiples faladoiros que se organizaban na cidade e mitins políticos, nos que procuraba atraer os asistentes cara ao republicanismo democrático; cando se consolida como unha das plumas máis elocuentes da prensa daqueles tempos tenta espertar a cidadanía para que se posicione a favor dunha Galicia progresista, que se achegue á cultura e á escrita galega. Mais coa guerra foi represaliado. Esta circunstancia impídelle exercer como profesor e avogado, e prohíbenlle colaborar nos medios de comunicacións onde tan ben se desenvolvía. Isto provocoulle medo, angustia e, mesmo, fame física... Aínda así non deixou de loitar activamente por todo o que cría.

O vocábulo activista pode ser un adxectivo que se define do seguinte xeito ‘pertencente ao activismo’, pero tamén é quen de funcionar como un substantivo que designa o ‘partidario do activismo que bota man da propaganda e o proselitismo das súas ideas’. A voz activistaactivismo toman activo para formarse e esta palabra remite ao latín activus, -a, -um 'áxil ou activo'. A función do activista é, en certa medida, conseguir adeptos (cultismo procedente do equivalente latino adeptus), partidarios, -as ou seguidores, -as ás causas que se defenden.

3

correspondente

Membro dunha corporación que non é fixo pero que colabora por correspondencia

O golpe de estado do ano 1936 obrigouno a loitar na guerra no bando contrario ao seu; e tras a derrota, a sobrevivir pasando moitas privacións; e malia todo o exposto e aos perigos evidentes decídese a loitar na clandestinidade por recuperar os ideais republicanos. Trata de revitalizar o Partido Galeguista e entra en contacto coas persoas que estaban no exilio exterior e que non podían volver á Galicia asoballada.

Viaxe a América no 1954. Fonte: Arquivo Biblioteca Fernández del Riego

Nestas circunstancias Francisco Fernández del Riego é nomeado naquel PG clandestino secretario de exteriores e propaganda. Convértese nunha sorte de correspondente, ‘aquel membro dunha corporación que colabora por correspondencia’, tamén sería considerado coma un embaixador ou emisario entre Galicia e a diáspora ("dispersión que sofre unha etnia, pobo ou comunidade, por motivos políticos, relixiosos etc."). Daquela en 1946 comeza cunha colaboración periódica para a revista Galicia, do Centro Galego de Bos Aires, coa que informaba da actividade cultural en Galicia e, asemade, instruía e ensinaba sobre a cultura galega. Logo a propia entidade nomea Fernández del Riego delegado en Galicia da institución, e nese período publícase o seu primeiro libro, de tantos que estaban por vir: Cos ollos do noso esprito. Ensaios breves. O seu quefacer non se limita só á Arxentina; xa que colaboraba desde Galicia coa revista do Centro Galego de Caracas e con Irmandade. Boletín mensual da Hermandad Gallega de Venezuela. Tamén Don Paco foi unha das plumas que apareceron en Vieiros, unha revista fundamental do exilio mexicano, onde Delgado Gurriarán foi unha figura clave.

A comunicación en gran medida foi por correspondencia. É fundamental para entender este período a relación epistolar constante que mantivo con Luís Seoane e con Neira Vilas ou con Delgado Gurriarán. Porén, tan axiña como puido ter un pasaporte, Del Riego viaxou á diáspora para reencontrarse cos vellos camaradas e recuperar un movemento político e cultural que facilitase a restauración do arrebatado.

A palabra correspondente é a forma substantivada do participio presente do verbo corresponder, unidade creada co prefixo co-, de orixe latina formante de palabras cos significados de ‘simultaneidade’ ou ‘cooperación’ e o verbo responder “dicir ou escribir algo en relación co que alguén preguntou ou propuxo antes”, ou sexa, “contestar”. Foi inxente a súa correspondencia co exilio exterior, pero tamén no interior son moitas as cartas escritas a Carvalho Calero, Cunqueiro ou Otero Pedrayo, entre outros. Fernández del Riego cumpriu, xa que logo, á perfección a función de emisario (persoa encargada de facer chegar mensaxes), voz que podemos relacionar coa anterior, no sentido de que foi a ‘persoa enviada para levar a mensaxe e representar os intereses galegos a outras persoas, especialmente ás da diáspora’. A orixe desta voz está no latín emissarius, que remite ao verbo emittere ‘enviar’ ou ‘presentar’; e que ten como sinónimos heraldo ou mensaxeiro.

4

divulgador

Que divulga

O 25 de xullo de 1950 nunha reunión nos baixos do hotel Compostela fúndase a Editorial Galaxia. Francisco Fernández del Riego foi un dos principais artífices desta. Xulgábase necesario a creación dunha editorial que se convertese na gran divulgadora da cultura galega. E só un ano despois (1951) aparece Antífona da cantiga de Ramón Cabanillas e os cadernos Grial, dos que o protagonista das Letras do 2023 será director xunto a Ramón Piñeiro dos seus primeiros cen números.

Críase que un país non perde a súa alma, se ten a posibilidade de comunicarse na súa propia lingua, aquela que lle proporciona unha identidade diferencial ante o mundo. O libro convértese no xeito máis apropiado para conservar o que nos legaron os devanceiros e amosar todo o novo que achegan as xeracións máis mozas. Don Paco quería retomar o labor que se iniciara a comezos do século XX da man da Editorial Lar e da Editorial Nós de Ángel Casal, que publica Historia sintética de Galicia de Ramón Villar Ponte, mais tamén: Cincuenta homes por dez reás (de Castelao), O porco de pé (de Risco), De catro a catro (de Manuel Antonio).

O consello editorial de Galaxia. Fonte: Arquivo Biblioteca Fernández del Riego

Galaxia recuperou as obras da literatura galega ata o 36 e que lle eran descoñecidas as xeracións nadas tras a contenda. Mais tamén lles abriu a porta aos valores emerxentes que iniciaban a súa andaina nas letras e en galego. Así xurdiron as seccións: Colección Grial para alentar o esforzo dos máis novos; a Serie de Ensaios onde se favorecía a crítica mediante textos ensaísticos; os Manuais Galaxia, onde se iniciou o camiño da creación dunha bibliografía de textos formativos e divulgativos sobre Galicia, a súa sociedade e a súa lingua. Na Colección Literaria dáse a coñecer a literatura culta e a popular, procurando a renovación das letras en todos os campos; Colección Pondal na que se recuperaba e se ensinaba aos galegos a riqueza das cantigas medievais; en Monografías da Arte Nova dáse noticia das novas tendencias artística que emerxían naquela altura. Non en balde, o protagonista deste ano das Letras atesourou unha importante colección de arte.

O noso protagonista das Letras cultivou a súa faceta de divulgador grazas á súa habilidade para enfeitizar as persoas co seu rigor, persuasión e didactismo, servíndose dos libros que se publicaron en Galaxia.

A palabra divulgador, -a é un adxectivo que pode funcionar tamén como substantivo, que procede do latín divulgātōre, onde xa tiña unha significación relacionada coa ‘divulgación’ ou a ‘publicación’. O termo difusor, -a funciona como sinónimo do anterior, mais o seu emprego, en ocasións, vincúlase a dispositivos. A súa orixe remite ao étimo latino diffusore, que remitía ao verbo diffundo, e que significaba ‘que trasfega os licores’. Semanticamente a voz divulgar está relacionada con difundir, espallar, estender ou mesmo propagar.

5

académico

Membro dunha academia

Francisco Fernández de Riego convértese en académico o 3 de novembro de 1960 a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Manuel Casás Fernández e Sebastián Martínez-Risco y Macías; co discurso: "Un país e unha cultura: a idea de Galicia nos nosos escritores". O encargado de darlle resposta  foi Ricardo Carvalho Calero, un dos seus grandes amigos desde a mocidade.

Retrato de Don Paco o día do ingreso na RAG. Fonte: Arquivo da RAG

Tras o ingreso na institución, unha das iniciativas polas que será sempre recordado é pola proposta da celebración do Día das Letras Galegas. Recupera unha idea da que falara o 25 de xullo do ano 1933 nun artigo xornalístico no que manifestaba a necesidade de termos unha xornada propia ao redor do libro en galego semellante ás que existían noutros lugares. Foi secundado por Ferro Couselo e Manuel Gómez Román e acadouse a aprobación de todo o plenario da Academia. Elíxese o 17 de maio por ser a única data que aparece en Cantares Gallegos (a dedicatoria a Fernán Caballero) e por coincidir co nacemento de Manuel Murguía. A primeira autora honrada será Rosalía de Castro, aproveitando o centenario da publicación de Cantares Gallegos. E desde aquela ata hoxe (e van 60 anos) festexamos as nosas letras e a nosa lingua, ao primeiro dun xeito cauteloso, mais hogano non hai institución galega que non celebre o día das Letras.

Outro dos fitos relevantes do paso de Don Paco pola Academia é a presidencia desta entre os anos 1997 e 2001, tras a morte de García Sabell, e despois dun breve período no que exerceu o cargo Antonio Fraguas. Durante o seu mandato a RAG experimentou un proceso de revitalización e renovación. O home que non se desprendeu da súa máquina de escribir manual ao longo da súa vida soubo ver a necesidade de modernizar a institución para que, coa chegada do século XXI e as novas tecnoloxías, non quedase atrás.

O adxectivo académico, -a, que funciona coma substantivo tamén, é un vocábulo que remite ao latino Academicus, que bebe do grego Akademikós. Á súa vez, estas unidades toman coma base de formación o termo academia que en latín significaba ‘a escola filosófica de Platón’, e en grego sinalaba o ‘xardín de Academos’ (heroe ateniense que loitou contra Troia), lugar onde o filósofo impartía a súa ensinanza. No século XV en Italia a designación accademia adopta o significado moderno referido a centros de erudición que estudaban filosofía, artes e lingua. A idea da creación de centros semellantes espallouse polo resto de Europa. Na actualidade o vocábulo academia mantén os significados históricos, pero tamén designa os ‘centros privados que dan clases de certas materias’ como complemento ou axuda ao ensino regrado.

6

publicista

Persoa que escribe artigos en xornais e revistas destinados ao público

O galeguismo de principios do século XX foi consciente de que para espallar o seu ideario non se podía limitar a conferenciar en cenáculos cultos e escollidos; ao contrario, tíñase que acceder ao público xeral. Desde esta premisa explícase a importancia que se lles outorgou aos artigos de prensa naquel tempo. A xeración Nós é das primeiras que loita por ter presenza nos medios de comunicación, e os seus membros foron uns verdadeiros publicistas.

Recorte da revista Nós: Boletín mensual da cultura galega, na que asinou Fernández del Riego. Fonte: Galiciana

Deste espírito non se arredou Francisco Fernández del Riego. Destacou como un orador elocuente –o discurso na inauguración do curso do ano1933 no que pide unha universidade máis moderna e máis galega, fixo del un líder moi popular–; mais nesa altura matina na creación dunha revista estudantil que dea voz ás inquedanzas da mocidade universitaria, onde tanto el coma Cunqueiro expresarán as súas ideas en artigos escritos en galego. A partir do ingreso no Seminario de Estudos Galegos a súa implicación na política é maior, e, por suposto, a súa aparición na prensa: El Pueblo Gallego, Alento, Vieiro, A Nosa Terra, Nós: Boletín mensual da cultura galega , medios de comunicación de tendencia republicana e nacionalista. Asemade a súa pluma viaxou a ultramar con colaboracións na prensa galega na Arxentina (nas revistas Galicia, Boletín da Federación de Sociedades Galegas e n’A Fouce) e en Uruguai (na revista O Irmandiño de Montevideo).

Na posguerra Valentín Paz Andrade ofrécelle un traballo en Industrias Pesqueras, revista na que publicará non pouco artigos, sempre sen asinar ou baixo pseudónimo.  Tamén colabora en La Noche onde colabora con artigos divulgativos sobre os costumes galegos. Na década dos 50 escribe para revistas da diáspora como Galicia, do Centro Galego de Caracas. Tamén con Luís Seoane na revista Galicia Emigrante (1954-1959). En tempos democráticos participou cos seus textos nas principais cabeceiras galegas, La Voz de Galicia e El Faro de Vigo ata case o final dos seus días.

Por todo o dito del Riego é un publicista entendendo a palabra co significado de “persoa que escribe artigos en xornais e revistas destinados ao público” de temas ou ideas variadas. Don Paco era posuidor dun saber case enciclopédico que lle permitía escribir e comentar de temas moi variados. Este termo procede do equivalente francés publiciste que, en principio, significa ‘xornalista’, mais este significado xa está considerado como un uso desfasado, e na fala actual a palabra rexístrase para designar o ‘xurista especializado en dereito público’. En galego, atopamos outro equivalente que é articulista “persoa que escribe artigos para seren publicados en xornais, revistas etc.”. A orixe deste vocábulo lévanos ao latín articulus que, en principio, significaba ‘a xuntura dos ósos’, a ‘articulación’.

7

patrucio

Home máis vello dunha casa, cando xa é ancián, merecente do respecto dos demais membros da familia

Don Paco casou, na posguerra, coa súa moza (Evelina Erbella) que coñecera cando os dous eran estudantes universitarios en Santiago de Compostela. A parella non chegou a ter fillos propios, mais todas as persoas que coñeceron e trataron a Don Paco e a súa esposa recoñecen que eran unha parella moi acolledora e el era coma un verdadeiro patrucio. Esa persoa que merece o respecto de toda unha comunidade pola súa sabedoría, o seu exemplo, e a quen se pode acudir para pedir consello.

Conversando con Carlos Casares o día do pleno da súa elección como presidente da RAG (1997). Fonte: Real Academia Galega. Colección Castro-París

Todos aqueles que profundaron na obra e na figura de Francisco Fernández del Riego coinciden en que, ademais da súa sabedoría e o seu compromiso, a súa contribución fundamental foi xogar o papel de ponte entre a xeración galeguista anterior ao 36 e a intelectualidade moza que xorde arredor de Galaxia para eles era como un referente e intermediario para coñecer o pasado furtado.

A denominación patrucio procede do latín pater que significaba ‘pai’, ‘xefe da familia’ ou ‘antepasado’; ten como variante petrucio. Na lingua tradicional atopamos a palabra patrón ou patroa (voz tamén vinculada co étimo latino pater) cunha significación de noso: “persoa máis vella dunha familia”. A eles acudíase para pedir consello ou autorización para levar a termo algunha iniciativa; as familias comentaban con certa fachenda “que aínda lle vivían os patróns”; tamén neste sentido coincide o emprego da locución os vellos da casa. Foron moitas as persoas que acudiron ao autor de Lourenzá para pedir opinión ou para que lles dese o visto e prace a calquera iniciativa, non en balde e parafraseando a Claudio Rodríguez Fer, era un devoto da mocidade poética galega, que non dubidaba (xa sendo moi maior) en redactar recensións das novas obras que caían nas súas mans dando a súa opinión e a súa valoración.

Por outra banda, a lingua tamén ofrece a frase cabo da casa cunha significación semellante ‘persoa maior’, que por idade é o ‘xefe da casa’. Certa vinculación con todo o indicado ten o termo patriarca que nos chega a través do  latín tardío patriarcha, tomado do grego patriárchēs, lingua na que a palabra era un composto de arché ‘goberno’ e patria ‘raza ou liñaxe’, de aí que adquirise o significado de ‘xefe dunha familia ou dunha comunidade’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir