Léxico para vender

Seguro que algunha vez pensaches de onde sairían todas as palabras que enchen os dicionarios. Agora xa nos coñeces e non é difícil imaxinar as persoas que traballamos preparando as definicións ou pelexando cos sinónimos pero… quen inventou cada unha das palabras? Pois todas e todos, os que viñeron antes e tamén os que virán, as persoas que falaron e que falarán o noso idioma.

Cando dicimos que a lingua é de todos é porque entre todos a fixemos, desde hai séculos. Démoslles forma ás palabras, xogando cos étimos, cos morfemas, compoñendo a partir doutras bases, ampliando ou especializando significados e contextos de uso… e tamén algunhas veces quedándonos con nomes inventados polas empresas e fabricantes! Non son poucos os casos de marcas rexistradas ou nomes comerciais que acabaron sendo palabras de uso común cun significado moito máis amplo do que tiñan orixinariamente. Velaí sete dos moitos que podes atopar no Dicionario e que abofé que empregaches máis dunha vez!

1

plastilina

Masa de material plástico de distintas cores, que se utiliza para modelar.

Hoxe en día os que máis utilizan a plastilina son os cativos; mais orixinariamente a plastilina foi creada por un farmacéutico alemán en 1880 como resposta ás queixas dos seus amigos escultores, que protestaban porque a arxila coa que tiñan que traballar secaba moi rápido e era moi difícil darlle forma, sobre todo no tempo do inverno. É moi curioso que na mesma época, en 1897, un profesor de arte inglés chegou a unha fórmula parecida partindo da mesma necesidade. Este home tivo ademais a perspicacia de promocionar novos e interesantes usos para o seu produto, non só para os artistas senón tamén para os nenos. E desde aquela ata hoxe mesmo a plastilina non deixou de utilizarse para múltiples actividades: para o cine de animación, nas clínicas dos dentistas, para cativos con problemas cerebrais ou de motricidade fina… e parece mesmo que na segunda guerra mundial os alemáns quixeron empregala como alternativa ao caucho!

En todos os casos, o nome comercial do produto orixinal foi o que se adoptou nas diferentes linguas (inglés, alemán, italiano, portugués, francés, español etc.) para referirse a este material e outros semellantes que apareceron posteriormente.

2

neopreno

Caucho sintético de gran resistencia

Todos sabemos que non sempre os cursos que se imparten para os profesionais de certas empresas son ben aproveitados pero iso non podemos dicilo desde logo dos traballadores da coñecidísima multinacional de orixe estadounidense DuPont, que desde a súa fundación a comezos do século XIX e ata o día de hoxe non deixou de investigar e comercializar con novos materiais que se usan en todo o mundo. É o caso do neopreno, a primeira goma sintética que se produciu industrialmente, e que xurdiu nos laboratorios de DuPont logo de que un dos seus empregados asistise á conferencia dun profesor de química na Universidade de Notre Dame. Xa que a base da composición deste caucho era o cloropreno, o nome que lle deron orixinariamente foi dupreno (en inglés duprene), acrónimo formado entre o nome desta substancia química e o da empresa que o descubriu.

O certo é que a DuPont case case podería aparecer nos créditos do Dicionario xa que deu lugar a que se introducisen en moi diferentes linguas novas palabras, tan empregadas na actualidade coma os propios materiais que designan. Por probar o que dicimos, sabías que esta é a orixe da lycra, o plexiglás, o teflón ou o nailon? A historia desta última, adaptación galega baseada na pronuncia do orixinal inglés nylon, é moi curiosa xa que existe constancia dunha carta escrita por un representante da multinacional e publicada en 1940 na prensa norteamericana, na que explica que se trata “dunha palabra xenérica acuñada pola DuPont” e que as letras que a compoñen “non teñen ningún significado, nin etimolóxico nin doutro tipo”, que se creou tomando como modelo a terminación de cotton (algodón) e rayon (raión) e procurando un termo que fose “suficientemente distinto das palabras encontradas nos dicionarios e nas listaxes de marcas comerciais rexistradas”.

3

pírex

Vidro resistente ás altas temperaturas empregado na fabricación de útiles de cociña ou de laboratorio.

Que boas quedan as lasañas cociñadas ao forno nas fontes de pírex! Pero sabes cal foi a historia de poñerlle un nome case de dinosauro a este material? Foi un alemán quen a finais do século XIX deu coa fórmula deste tipo particular de vidro de borosilicato, que destaca pola súa alta resistencia calórica e química. Nun primeiro momento, rexistrouse e vendeuse como duran, pero anos máis tarde, en 1915, a firma inglesa Corning comezou a comercializalo xa co nome de pyrex, que é o que se adapta para o galego.

Canto á razón da xente da Corning para escoller este nome, existen varias hipóteses como por exemplo que o fixesen partindo da palabra inglesa pie, que pode traducirse por ‘torta’, xa que os primeiros produtos que comercializou a empresa foron precisamente bandexas para tortas. Con todo, o mais probable é que o formasen a partir de pyr-, do grego pur, puros ‘fogo’, engadíndonlle unha terminación usada para outros produtos comerciais. Pensa noutras palabras galegas coma pirómano, que é a persoa que ten unha tendencia patolóxica a provocar incendios, piromancia, a arte de adiviñar o futuro observando o lume e as lapas… ou os piropos!, que case sempre acenden as meixelas e tamén algunhas veces fan arder o corazón.

4

rímmel

Cosmético empregado para darlles cor ou consistencia ás pestanas ou facelas parecer máis longas.

Non se pode levar conta da cantidade de produtos que inventamos para tapar, recubrir ou disimular todas e cada unha das partes do noso corpo. Tinturas para o pelo, maquillaxe para a cara, sombras para os ollos, pintura para os labios… nin os pequenos peliños que nacen no bordo das pálpebras escapan á nosa teima de disfrazalo todo. Foi no século XIX cando un francés residente en Inglaterra, Eugene Rimmel, preparou unha mestura de ceras e carbón para conseguir unha pasta escura coa que pintar as pestanas brancas que van saíndo coa idade. Empezou a vendela en Londres e o produto acadou tanto éxito que mesmo a raíña Vitoria se fixo cliente de Eugene, e a súa máscara para as pestanas acabou sendo coñecida en todo o mundo polo apelido do seu inventor, que posteriormente serviu tamén para denominar calquera outro produto deste tipo.

En galego, respectamos a grafía orixinal do francés mais con acento, por se tratar dunha palabra grave rematada en –l.

5

tergal

Fibra sintética feita con poliéster, resistente e que non tende a engurrarse.

O descubrimento desta fibra foi un achado ben emocionante para todos os homes e mulleres que odiaban botar horas agarrados a un ferro de pasar. Cun pouco de habilidade á hora de poñer a roupa no colgadoiro, case non é preciso estirar con calor os pantalóns e camisas de tergal, que ademais teñen a vantaxe de seren moi duradeiros.

Nada de liño, algodón ou seda… o tergal é unha fibra puramente artificial e un dos elementos básicos na súa composición é o ácido tereftálico. E a partir de aí creou o seu nome a empresa francesa que o descubriu e comercializou, engadíndolle a terminación –gal, na que algúns quixeron ver unha referencia aos propios galos, os habitantes de Francia.

6

uralita

Material para a construción feito con cemento e con fibras de amianto, de cor gris, incombustible e mal condutor, que se comercializa en pranchas lisas ou onduladas, en forma de tubo etc.

Desde os anos setenta en adiante non era raro ver en Galicia cubertas de casas, patios ou naves industriais feitas con uralita, un material de cor agrisado, impermeable, económico e moi resistente. En realidade trátase do fibrocemento, un produto inflamable e moi resistente, que foi descuberto en 1900 por un enxeñeiro de orixe austríaca e que en España comercializou a multinacional de materiais de construción Uralita, que lle deu o nome polo que é máis coñecido.

Pero do éxito dos primeiros anos logo se pasou ao desencanto cando empezou a sospeitarse que un dos seus compoñentes básicos, o amianto, era potencialmente canceríxeno por inhalación ou exposición prolongada. Puido comprobarse a súa relación cun tipo de cancro pulmonar cun índice moi alto de mortalidade e no ano 2001 prohibiuse definitivamente en España a súa utilización e comercialización.

7

skai

Tecido de material sintético que imita o coiro.

Os maiores repiten moito o de que non se sabe onde pode estar o perigo. E a verdade é que ás veces parece que lles hai que dar a razón, porque en certas ocasións ata unha sesta pode converterse nun deporte de risco. Se che parece esaxerado, pensa naquelas sestas do verán sobre o sofá de skai cando ías levantarte e case estabas inmobilizado, pegado pola suor naquela especie de coiro.

Coma no resto das palabras que fomos comentando, o nome deste material ten a súa orixe nunha marca rexistrada; algúns dicionarios sinalaban o inglés como lingua de procedencia do termo mais o certo é que esta pel sintética non ten nada que ver co ceo anglosaxón senón que é o nome da empresa alemá que empezou a comercializalo (Scai). É curioso que en Portugal este tecido artificial se coñeza habitualmente polo nome de napa, xa que se asemella moito a esa pel de orixe ovina ou caprina, suave e fina, que á súa vez colle o seu nome dun topónimo, o condado de Napa, no estado de California.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir