Unha das vertentes máis divertidas da filoloxía é a estatística. Desde os traballos de Georges Perec ata Màrius Serra e Gonzalo Navaza, a ludolingüística encárgase de moitos destes traballos: anagramas, encriptacións, encrucillados, palíndromos ou textos con só unha vogal son algunhas das aventuras que nos propón. Propoñemos hoxe unha andaina moi concreta e arrevesada.
Cando se inventaron as máquinas de escribir e se deseñou o primeiro teclado, o lóxico era pór as letras máis frecuentes no lugar máis accesible. Con todo, a lenda conta que o inventor tivo que desordenalas para que os martelos de impresión non se entalasen e xurdiu o chamado teclado QWERTY, que foi o primeiro de difusión xeneralizada. Aínda que foron aparecendo (e desaparecendo) máis configuracións co tempo (AZERTY francófono, QWERTZ xermanófilo, HCESAR luso, Dvorak ergonómico), na Galicia actual é o que se estila, aínda que debe incluír o < ñ > por un Real Decreto de 1993.
Pero, con esta disposición de letras, cales son as palabras máis longas que podemos escribir sen mover as mans? Dado que as xemas dos dedos se apoian por defecto na liña central e xa que na man dereita non hai vogais, a cuestión resúmese en cales son as palabras máis longas coas letras ASDFG. Vexamos, de menor a maior, o que nos di o Dicionario da Real Academia Galega.