Naceu en Estremadura, medrou entre terras castelás e Cataluña e fíxose filóloga en Madrid. Pero María Victoria Moreno quixo ser galega. Cincuenta e cinco anos despois da súa chegada a Galicia, a Real Academia Galega dedícalle o vindeiro Día das Letras Galegas a esta pioneira da literatura infantil e xuvenil na lingua de noso, á profesora que soubo espertar vocacións literarias e compromiso coa fala entre o seu alumnado adolescente, á mestra de mestres, á editora entusiasta.
A celebración do 17 de maio terá lugar en Pontevedra, a cidade á que chegou en 1963 como docente. Pouco despois, destinada en Lugo, rompía a falar a lingua da terra de acollida, o idioma que falaban nos corredores os alumnos do Instituto Masculino, onde exerceu antes de regresar a Pontevedra. De aprender a lingua pasou axiña a llela aprender a outras persoas en cursos no punto de mira das autoridades franquistas que lle custaron a retirada do pasaporte. Corrían os primeiros anos 70 e comezaba tamén a carreira como escritora de literatura infantil e xuvenil, sempre no idioma que fixo seu. Unha carreira na que sobresaen algúns dos títulos de maior éxito do seu tempo nun sector no que tamén destacou como tradutora. Pero aínda que se centrou no público máis novo, María Victoria Moreno demostrou tamén un gran dominio da poesía e do ensaio. Comprobámolo percorrendo súa biografía vital e literaria a través de sete palabras que teñen moito que dicir desta muller afouta das nosas letras!