O léxico d’As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas

Imaxe da representación das laranxas polo CDG (2014)

A traxectoria de Casares como creador literario comeza a finais dos sesenta con Vento ferido. Un ano despois, iníciase unha vertente enfocada á rapazada con A galiña azul, premiado no I Concurso de contos infantís da Asociación cultural “O Facho”, en 1968. Víctor Freixanes destaca de Casares que ante todo procuraba ganar novos lectores para as nosas letras e que, quizais por iso, non desatendeu a escritura para a xente nova, senón que incluso pensando nela realizou a súa única incursión no xénero dramático, As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas.

Casares recibe o cheque de 25.000 pesetas da man de Manuel Caamaño, presidente de “O Facho”, a asociación que organiza o concurso. (Premendo na foto vese a nova de El Ideal Gallego recollida pola web da Fundación Carlos Casares)

 

 

“O Facho” tamén premiou esta obra, esta vez no Concurso de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade de 1973. Nela, o autor sedúcenos cunha aventura disparatada onde destaca o poder fascinante das palabras, que nos abren ao mundo como a personaxe Anxa abre con elas tesouros tan cotiáns como un ovo e unha laranxa e, ao tempo, tan marabillosos como todo o inesperado.

As Laranxas é unha das obras do teatro para xente nova máis coñecida e representada, desde aquel afastado 27 de maio de 1973, cando se estreou na I Mostra de Teatro Galego de Ribadavia.

Catro imaxes de grupos diversos representando a obra en anos distintos:

Estrea na I Mostra de Teatro de Ribadavia, 1973. [Arquivo de “O Facho” / RAG]
Alumnado do 5º curso do Colexio Couceiro Freijomil de Pontedeume en abril de 2017
Conxunto de estudantes do grupo de teatro do IES Carlos Casares de Vigo que en 2012 representaron a peza
Un cadro d’As Laranxas nunha produción do Centro Dramático Galego no ano 2014

A Fundación Barrié organizou dúas representacións d’As Laranxas máis laranxas de tódalas laranxas no ano das Letras 2017 dedicado a Carlos Casares. Gravouse un vídeo da peza teatral e nós comentamos, a continuación, as palabras que consideramos que vos poden interesar:

Laranxa

Salientado xa desde o título, o elemento central da peza son as laranxas extraordinarias da horta de Anxa e Elías. A voz laranxa denomina tanto o froito da laranxeira como a súa cor e chegounos desde o persa narang a través do árabe. Constitúe, xa que logo, un dos poucos exemplos de termos que collemos directamente desa lingua e que evolucionaron na nosa como patrimoniais. Comparte a mesma orixe o nome doutro froito cítrico, o limón, procedente do persa limu ou laimun.

O carácter prodixioso destas laranxas obedece, en principio, a dous factores: o seu tamaño esaxeradamente grande e o feito de naceren da árbore que dá os limóns. En contraposición ao sabor agre do limón, a laranxa déixanos unha sensación agradable no padal, a mesma que nos vai deixar a obra, cargada dun humor ao tempo absurdo e amable, conducida polo personaxe central, Anxa, cun nome que ten reminiscencias celestiais e constitúe, asemade, o eco da palabra laranxa, do mesmo xeito que a cor saudable da súa faciana é un reflexo da cor desta froita.

Charrelo

Cando Elías establece a semellanza entre a cara de Anxa e as laranxas, esta contéstalle chamándolle charrelo, o que parece ser unha variante de tarrelo, adxectivo que cualifica unha planta ou unha persoa de pouca altura. A súa orixe parece estar na voz terra e pode que a razón desta utilización como adxectivo radique no uso como substantivo, que designa unha planta, a cal, segundo as zonas, pode ser a que tamén recibe os nomes de carrelo, leitarega, leituga ou mexacán ou a que se coñece como chicoria.

Toromelo

O veciño da escopeta, en canto ve as laranxas, exclama “¡Vaia toromelos!”

Un toromelo é un gran que nace no bordo das pálpebras, que tamén se chama orizó ou tirizó. Procede do latín torus -i, que xa tiña, igual que para nós, o sentido de ‘tronco’ ou de ‘avultamento’. Segundo algunhas obras de consulta, pódese empregar con sentido xeral de ‘vulto’ e non unicamente para o das pálpebras, o que encaixaría co uso que fai o personaxe referido ao tamaño das laranxas.

Larafuza

A veciña desdentada recoméndalle a Elías que lave a cara: “Lava esas larafuzas, home.”

Larazufa denomina a sucidade, en especial a que temos pola cara e a persoa que ten larafuza é un larafuzas ou larafuceiro. Relaciónase a orixe de todas elas co verbo fozar e con fociño, que remiten a unha suposta forma do latín *fodiare ‘cavar’, o que fan os animais como o porco e o xabaril. E as persoas podemos acabar enlarazufados ao tocar a cara coas mans luxadas, ao comer con pouco coidado ou cando che esboura unha laranxa nos fociños, como lle acontece a Elías.

Falcatruada

Nesta ocasión, a veciña desdentada diríxese a Anxa ao escoitar unha galiña que ri: “Ten conta desa galiña, que che debeu facer algunha falcatruada.”

Unha falcatruada ou falcatrúa é unha acción que consideramos de xeito negativo, tal como se aprecia no exemplo proposto. Pode ter pouca importancia, coma as trasnadas propias dos nenos, ou encerrar engano ou trampa e, daquela, maiores consecuencias. Apúntase como probable que a orixe destas formas coincida coa do verbo desfalcar e que se remonten a unha forma xermánica antiga falkan ‘quitar’.

Dispensando

“A verdade, dispensando, eu non son ningún coello”, contesta anoxado o ovo cando cre que o veciño da escopeta lle vai disparar.

O verbo dispensar pódese usar como sinónimo de escusar ou perdoar, é dicir, non ter en conta algo que pode resultar ofensivo e, en concreto, o xerundio dispensando era a forma habitual na lingua popular para desculparse cando se introducía no discurso unha palabra ou expresión que o falante non consideraba apropiada. No texto parece utilizarse con intención humorística, pero exemplos como “Xurou que a vida era unha merda, dispensando” ou “polos pés, dispensando”, tirados de textos de Cunqueiro, permítennos exemplificar o uso tradicional que acompañaba calquera expresión que faltase ao decoro ou, diriamos hoxe, que naquel momento non se considerase politicamente correcta.

Zorregar

O veciño da escopeta ameaza o can Paulino con zorregarlle un tiro: “nin un paso máis ou zorrégoche un tiro”.

O sentido primeiro de zorregar é bater forte cunha vara ou algo semellante, como podemos agardar ao estar formado a partir de zorrega (vara pequena e delgada). Partindo da idea de golpear, en puntos do norte do territorio documéntase co sentido de ‘chover forte’, igual ca outro verbo semellante, zurrar, pero tamén abunda nos exemplos literarios asociado a disparo. Xa nas Proezas de Galicia se fala de que “zorregaban balas nos franceses” e exemplos semellantes podémolos tomar de Fole, Neira Vilas ou Méndez Ferrín, pero aínda documentamos outros usos curiosos como o do Tío Marcos da Portela, que fala de “zorregar unha multa”.

Sobre a orixe desta voz, crese que pode ser prerromana ou árabe, pero non se coñece con certeza.

Alpabarda

Cando unha das laranxas se vinga do veciño da escopeta estoupándolle enriba da cabeza, o veciño chosco chámalle alpabarda.

Coa palabra alpabarda podémonos referir a realidades moi distintas. O primeiro sentido que ten é difícil de explicar, porque se trata dun ser fantástico, o mesmo ca biosbardo ou gazafello, que utilizamos con frecuencia como broma para tomarlle o pelo a quen non coñeza a palabra.

Tamén é o nome que recibe nalgúns lugares o peixe moi parecido á agulla por ter as mandíbulas aguzadas, que noutras zonas é alcrique, chandarme, pataguillón ou rato.

Non obstante, no texto dáselle un uso diferente destes que comentamos, xa que aplicado a persoas utilízase como equivalente de ‘parvo’ ou ‘inocente’. E podemos utilizalo tamén para as ideas ou os feitos característicos de alguén así. Xa que logo, tanto podemos dicir “Teu curmán é un alpabarda” como “Mira con que alpabardas me veu teu curmán!”.

En canto á súa orixe, está admitido que se trata dunha alteración da expresión alba parda, que viría motivada pola cor gris do peixe. Do peixe pasaría, por metáfora, a usarse para persoas, pode que polo aspecto do peixe (ollos grandes e mandíbulas saíntes).

Pebida

Se comezamos falando das laranxas, imos rematar con algo moi pequeno que conteñen no seu interior e ao que seguramente non lle prestamos moita atención se non é para apartalas ao comer os cuarteiróns.

O can Paulino ofrécelle á galiña Petra compartir un óso, pero esta contesta que prefire unha pebida, algo que lles gusta peteirar ás galiñas. Pebida é o nome das sementes pequenas que conteñen no seu interior froitas como as mazás, as peras ou as laranxas que aparecen na obra. Por semellanza con estas, reciben o mesmo nome os grans que tratan de encontrar os buscadores de ouro entre as areas do río. Ademais, aplícase para unha doenza das galiñas que consiste nun pequeno tumor que se lles forma na lingua e que lles impide comer.

Procede da forma do latín vulgar *pippita, que parte do clásico pituita. Inicialmente aplicaríase para a enfermidade das aves, relacionada co humor pituitario e, pola semellanza entre este líquido mucoso e o que se atopa no interior de froitas como o melón, acabouse utilizando para as sementes envoltas por este líquido e logo para as sementes doutras froitas parecidas.

Dando a volta, volvemos, pois, ao inicio, cavilando en que dunha pebida alegre, divertida e un pouco aduaneira deberon nacer as laranxas máis laranxas de tódalas laranxas.

Se así o prefires podes descargar estas notas lexicográficas nun documento PDF (140 Kb) facendo clic nesta icona

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir