Tui olla a Portugal desde a beira galega do Miño na zona oriental da comarca do Baixo Miño. A arqueoloxía confirma a identificación desta vila pontevedresa coa mansio Tūde ‘lugar de parada nos camiños’ na Via XIX do Itinerario de Antonino. Este é o nome co que figura no famoso documento que recolle as rutas do Imperio Romano, transcrito na obra de Ptolomeo como Τουδαι (quizais adaptación grega do plural de Tūda) e en Tyde nos textos de Plinio. A proposta do estudoso Edelmiro Bascuas fai que vaiamos máis atrás no tempo, xa que o topónimo leva un radical TŪD- pertencente a raíz indoeuropea TĀ- ‘derreterse, fluír’, daquela estamos ante un hidrónimo, quizais unha antiga denominación para o río Miño cando discorre por esta zona.
Hai, por outra banda, a crenza dunha hipotética fundación grega que vén de moi lonxe, argumento que se volve atopar tamén nas fantasías etimolóxicas e históricas creadas ou asumidas nos comezos da historiografía galega e, nese universo paralelo, fomos fundados polos gregos onde o topónimo Tui foi posto por Diomedes en honra do seu pai, o heroe Tydeo. Casos parecidos son o de Pontevedra, que debería a súa fundación a Teucro, o da Iria Flavia creada pola princesa Ilia de Troia ou o da torre da Coruña erguida por Hércules.
Como vemos, a vila episcopal tiña xa importancia salientable na antigüidade. Tiña base militar e moeda propia, era centro de comunicacións grazas á Via XIX. Capital sueva e corte no tempo do príncipe godo Witiza (en Pazos de Reis, de aí o seu nome), ao que seguiu un período inestable de ataques árabes e normandos que acabaron co establecemento dunha muralla en 1170. O esplendor de Tui quedou rubricado cun bispado e unha provincia propios en 915 e 1550 respectivamente. A cidade vixiaba as posesións ante o que deviría no Reino de Portugal, dándolle ese carácter fronteirizo que Miño arriba se traduciría no significativo nome de Salvaterra, que substituíu o máis antigo de Lazoiro. Pero florecemento comercial e militar, apoiado polo porto fluvial, a xudaría, o Camiño de Santiago e a ampliación da muralla quedou estancado coa perda da capitalidade en 1833. Posteriormente a emigración e a dura represión trala guerra civil: a última resistencia republicana galega tivo lugar no lugar da Volta da Moura, na próxima Salceda de Caselas.
Os tempos modernos trouxeron unha mellora das comunicacións e a creación da eurocidade co outro lado portugués do Miño. Se pasas por preto de Tui, non deixes de pasear por toda a zona vella en xeral e a catedral en particular e o parque natural do Aloia. E sempre podes cruzar a ponte sobre o Miño para achegarte a Valença!