Madeira

Corre o ano 1418 e, despois de contactos esporádicos que xa situaran as illas no mapa en 1339, dous capitáns portugueses (Gonçalves Zarco e Vaz Teixeira) perden o control dos seus barcos nunha tempestade. Dado que por ventura chegan a unha illa que lles permite refuxiarse, noméana Porto Santo. O 2 de xullo do ano seguinte, Perestrelo (sogro de Colón) acompaña estes dous mariños, as súas familias e algúns nobres e presos para reclamar as terras en nome do infante Henrique o Navegante.

Hai polo tanto 600 anos que comezou a redescuberta e a colonización das illas, nas que se cultivou trigo, despois cana de azucre e finalmente o que chegaría a ser o seu mundialmente famoso viño. Este ano de 2019 o arquipélago portugués tamén albergará o 8 de xuño a cerimonia de entrega do premio europeo á excelencia turística, o World Travel Awards. Aproveitamos polo tanto para felicitar a poboación desta illa da Macaronesia (o conxunto botánico que inclúe os arquipélagos das Canarias, dos Azores, de Madeira e de Cabo Verde). O arquipélago de Madeira está subdividido principalmente en dúas illas habitadas (Madeira e a pequena Porto Santo) e outras menores con senllas reservas naturais (as Ilhas Selvagens e as Ilhas Desertas).

O seu nome orixinouse polo produto exportado das árbores que alí forman a inédita laurisilva (onde o Laurus, ‘loureiro’, forma unha silva, ‘bosque’), un ecosistema tropical único de loureiros endémicos recoñecido pola UNESCO. A palabra madeira procede á súa vez do latín materia, xa que os paus eran a materia prima, primeira, primaria e principal para facer lume, construcións e outras cousas útiles (outras fontes como o metal eran raras ou difíciles de traballar). Esta palabra en latín orixinouse en ou da mesma orixe que mater, ‘nai’, pois era a fonte habitual dos produtos de fabricación humana. Macaronesia á súa vez vén do orixinal grego que significa ‘illas afortunadas ou bendicidas’ (de onde sae tamén o nome de Macario), pois as illas atlánticas son unhas das candidatas a identificarse coa lenda dos gregos dun lugar onde nunca había inverno.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir