Voces de aquí e acolá: do lustro ao lóstrego

As noites de tronada non anuncian nada bo, nin no cine nin na literatura. Seguramente porque na vida real, por moi fermosas que nos parezan, as descargas eléctricas da atmosfera que as caracteriza tampouco traen boas novas, e poden dende matar os animais nas cortes lonxe dun pararraios ata provocaren un incendio forestal. Sen chegar a iso, tampouco contribúe á tranquilidade dos máis mexericas o trono que chega a continuación, que nos fere coma un laio xordo saído das entrañas da terra. Pero tranquilidade! Non, non imos contarvos un conto de terror… O noso propósito é máis prosaico, ou poético, segundo se mire. Propoñémosvos un percorrido polo noso mapa á procura das palabras que empregamos para nomear esa primeira luz que nos arreguiza. E vós, como lle chamades?

Lustro, alustro e relustro son tres das variantes que atopamos para designar o que o dicionario da Real Academia Galega define como “resplandor intenso e momentáneo, producido polo raio”. Todas elas derivan do verbo lustrar, que significa “producírense alustros” e que vén do latín clásico lustrare ‘brillar’, ‘relucir’, en referencia clara a esa luz intensa á que aluden. A voz lustro tamén pode designar un “período de cinco anos”. Neste caso procede do latín clásico lustrum que era ‘unha cerimonia purificadora que se levaba a cabo cada cinco anos’. Logo pasou a nomear o ‘período de cinco anos ou espectáculos producidos cada cinco anos’.

Pero volvamos ao lustro meteorolóxico. Onde podemos atopalo? Rexístrase en concreto nas falas do occidente da provincia de Pontevedra, mentres que relustro e alustro, coma outras palabras derivadas mediante os prefixos re- e a-, se localizan no oriente das provincias de Lugo e Ourense, respectivamente.

O vocábulo lóstrego é outra das denominacións que recibe este fenómeno atmosférico, especialmente no interior da provincia da Coruña e no occidente da de Lugo. Con certas variantes fonéticas, atopamos formas coma lostrego, que aparece na costa desde Malpica de Bergantiños ata Carnota, pero tamén no interior de Lugo, desde Mondoñedo a Sober; mentres que na provincia de Pontevedra xorden as formas lóstregho e lostregho. A orixe destas formas está no verbo lostregar, que deriva do latín vulgar *lustricare, que é á súa vez unha variante do termo clásico lustrare que xa mencionamos.

Sonche parentes semánticos destas voces o vocábulo relampo, que se cre que deriva dunha creación *lampu que procedería do verbo lampare ‘brillar’ e que atopamos nos falantes do sur do territorio galego; e apago, que se emprega en falas da provincia da Coruña e remontaríase a apagar, composición resultante da partícula ad e o verbo pacare ‘calmar’.

“Un lóstrego sacudiu de luz o limoeiro e un can arrastrouse ata quedar a carón da moza.” (Anxos Sumai: A lúa da colleita, 2013)

“Tronos e alustros ían quedando atrás e fómonos conformando con termos que soportar tan só unha xistra teimuda e unha escuridade cada vez maior , que nos impedía albiscar algún sinal que nos orientase.” (Xosé Mª Lema: Costa do Solpor, 2013)

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir