Palabras para a familia

Para os que se estrean como papás e mamás todo resulta novo: hai que aprender a facer moitas cousas, cambiar os horarios, reorganizar os espazos… e tamén aprender novas palabras! Se sodes dos que ides ter unha filla ou un fillo, dar unha volta polo Dicionario da Academia pode axudarvos tamén a prepararvos para esta etapa da vosa vida.

Ademais, cómpre non esquecer que esa nova persoíña vai comezar a falar escoitándovos e hai que estar á altura.

 

 

1

embigueira

Venda que se lles pon no embigo aos nenos que acaban de nacer.

A moitas mamás e papás, esta vendaxe prodúcelles verdadeira ansiedade. Semella que a criaturiña aínda estivese por rematar e que por aí puidese comezar a se destecer.

Non é difícil identificar a base desta palabra no substantivo embigo, que se deriva co sufixo –eira, tan empregado na nosa lingua. Este á súa vez provén do latín umbilicus, que tamén significaba “punto central, medio”. E no medio da tripiña é onde todas e todos levamos a marca que nos lembra que nalgún momento respiramos cos pulmóns da nosa nai.

Ademais de para a venda, é común empregar embigueira para referirse á pinza que pecha o cordón ou ao mesmo resto do cordón umbilical, que ao cabo duns días seca e cae.

2

axóuxere

Xoguete que consiste nunha ou máis esferas, xeralmente de plástico, con boliñas no seu interior e unidas a un pequeno mango, que serve para entretemento dos meniños.

Entre os ‘básicos’ dos e das picariñas non podemos esquecer: o oso de peluche, o parruliño de goma e, por suposto, o axóuxere. Boliñas de madeira, pezas de metal ou mesmo unha presada de garavanzos, nada é pouco para divertir cando tamén entra no xogo a imaxinación poderosa dos máis cativos. Mais, na súa orixe, esta palabra fálanos dun material algo máis requintado: procede do árabe al-yauhar, que ten o significado de ‘perlas’.

En galego, tamén podemos chamarlle ruxerruxe, que ten un claro sentido onomatopeico no ruído que produce este aparello…aínda que tamén poderiamos pensar que quere lembrar os ruxidos dos papás e as mamás cando xa pasa das dez veces que se agachan a recoller o xoguete entre os risos encantados da súa carrabouxiña

3

pereiriños

Primeiros pasos que dá un neno ou un convalecente.

Xunto co primeiro sorriso, un dos momentos máis emocionantes para as novas mamás e papás é sen dúbida cando ven que a súa criaturiña se bota a andar. Máis tarde poida que veñan as queixas porque o novo peón é bastante máis difícil de termar que aquel bebé que apenas rebulía no seirón, pero nada enturba o sentimento de ver como o teu fillo ou a túa filla se botan aos teus brazos abertos.

Non sorprende, daquela, que na fala aparecese por creación expresiva unha palabra especial para dar conta dos primeiros pasiños dos nenos, ou tamén, dos arelados pasos dunha persoa enferma que leva tempo sen poder camiñar. Para os e as que traballamos estudando o léxico é unha pena que non sempre podemos asistir ao “nacemento” e os primeiros pasos dunha palabra. Sendo como é a lingua algo vivo e de todos e todas nós pasa en moitos casos que non se pode dicir con certeza cal é o étimo no que se enxendra unha expresión. No desconcerto destes achadizos, podemos aventurar semellanzas máis ou menos afortunadas ou só procurar verificarmos o rexistro de chegada e primeiras aparicións. E quizais, nunha volta da investigación, poidamos chegar nalgún momento a debuxar unha xenealoxía máis precisa para o novo membro da nosa fala.

4

gurrumiar

Rosmar ou choromicar un neno cando ten meco.

Como aínda non son quen de darlle á lingua, os bebés teñen que botar man doutros xeitos de se expresaren que, a ollos das súas nais e pais, varían fundamentalmente entre a risa (todo vai ben!) e o pranto (pero que pasa?).

Ganas de teta, ter que quedar na gardaría ou precisar unha muda son só algunhas das moitas razóns que poden facer os nosos meniños protestar. E querer uns biocos non é das menos habituais para que empecen a gurrumiar. Esta palabra nace por redución dun probable engurrumiar, que á súa vez deriva de engurrar. O verbo procede do latino inrugare, construído sobre o substantivo ruga, que tiña o significado de ‘prega, dobra, engurra’, como as que lles saen aos cativos cando poñen cara de chorar.

5

apaxar

Facerlle caricias coa man a unha persoa ou a un animal.

Se reparamos na responsabilidade, o traballo e tamén os custos que implica a crianza, haberá quen pense que para ter un fillo hai que botarlle peito…e é certo, pero tamén hai que botarlle mans: o contacto pel con pel, as caricias e aloumiños son uns dos métodos máis infalibles para acalmar un bebé e conseguir que medre feliz.

É interesante a orixe que podemos supoñerlle a esta palabra: non parece desencamiñado crer que este verbo deriva do substantivo paxe, probablemente un galicismo a partir do francés antigo page, que se usaba para referirse a un servente, un rapaz novo que acompañaba a un señor feudal ou príncipe, para asistilo. Efectivamente, no portugués este verbo emprégase co valor de ‘servir de paxe’ e tamén para falar de cando alguén atende con coidado excesivo a outra persoa. Agora ben, para as persoíñas máis pequenas, e aínda a risco de facelas netorreiras, ningún meco está de máis.

6

enxoval

Conxunto de roupas e obxectos necesarios para o bebé.

Os cueiros, as toalliñas, o envurullo, mudas limpas, uns peúgos, gorros, pixamiñas, un abrigo…parece mentira que, para alguén tan pequeniño, teñamos de preparar unha maleta tan grande.

A palabra enxoval provén do árabe ax-xawar, con alteración da terminación no sufixo -al que, con certa frecuencia, emprégase na nosa lingua para falar de conxuntos (areal, carballal, piñeiral, pombal, castañal…). Na súa orixe, este nome utilizábase especificamente para referirse ao dote de casamento e máis tarde foise ampliando o seu campo de significado a calquera conxunto de roupa e outras cousas necesarias para alguén que acaba de nacer, ou tamén para unha persoa interna, para facer unha viaxe etc.

Para que o volume dos nosos petos non se vexa tan reducido como esa criaturiña que acaba de chegar, cómpre manter a calma e pensalo dúas veces: en realidade, que é o que de verdade non debe faltar no enxoval do bebé?

7

bioco

Trato cariñoso en exceso que se lles dá ás persoas e tamén aos animais, que consiste en coidalas moito, cumprirlles todos os desexos, non levarlles a contra etc.

No parque ou na rúa, dá xenio mirar un pequerrecho cheo de ledicia xunta á súa mamá ou o seu papá, que se desfán en atencións con el. Mais tamén é certo que, en ocasións, é quedar moi curto dicir que é o petís o que leva o cetro na casa. E, se ben todos os cariños e meiros parecen poucos para os bebés, non deberamos obstinarnos en conseguir que os nosos fillos e fillas sexan os primeiros do mundo que non saiban o que é unha bágoa.

Unha vez máis, a etimoloxía dunha palabra convídanos a reflexionar. Bioco provén dunha forma non documentada do latín vulgar, *beoco, relacionada co latín clásico velum, que tiña o significado de ‘vela de barco, pano, manto’ ou mesmo ‘disfraz’. En portugués, conserva o significado de ‘envoltura para cubrir a cara ou a cabeza’ ou tamén ‘xesto finxido ou esaxerado’. Certamente, cos seus biocos, os amorosos papás e mamás semellan querer cubrir a súa cría cunha mantiña que a protexa de calquera tristura ou inquedanza…pero ollo!, tamén deben ter conta de non atafegala con tantos aloumiños e coidados.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir