Como xa todos sabemos o verán en Galicia é ben festexeiro, e é que non hai fin de semana na que as galegas e os galegos non teñamos algunha romaría ou algunha verbena. Calquera escusa é boa para reunirse e facer festa, por iso temos multitude de celebracións. Algunhas desde ben antigo como a Festa da Istoria en Ribadavia, referenciada xa no século XVIII e que recrea cada ano a presenza xudía na vila antes da súa expulsión no ano 1492. Outras máis recentes como a Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa, iniciada no ano 1984 cando os romeiros lles pediron auga aos veciños para sufocar a calor tras a procesión de San Roque. Outras tan pintorescas como a Procesión dos cadaleitos de Santa Marta de Ribarteme (As Neves), na que moitos lle agradecen á santa ter superado unha enfermidade dentro dun cadaleito aberto que cargan os seus familiares. E, tamén, unha morea de festas gastronómicas, como a Festa do Polbo do Carballiño ou a Festa do Pan de Neda, e as festas propias de cada parroquia.
Sexan cales sexan as túas festas, aquí che deixamos sete palabras para que te divirtas con elas este verán.