Saltar o lume de san Xoán

O autor da imaxe saltando unha cacharela. Fotografía de Antonio Lomba

A noite do 23 ao 24 de xuño seguimos acendendo as fogueiras, ou como lles chames, porque reciben diferentes nomes por todo o país. Revivimos o costume –xa alleo á dimensión sagrada que tiña o lume para os nosos predecesores– de recibir a chegada do verán no medio da algueirada da noite, mentres outros recursos propios desta data, tamén de función purificadora, como a auga ou as plantas (No setestrelo Herbas de san Xoán podes ver as que máis se empregan no rito), teñen menos seguimento. As chamas han consumir todas as impurezas, tamén as que levemos enriba, para o que precisamos a máxima proximidade ata o punto de buscar que o lume nos acariñe e por iso saltamos por riba del. E non é cousa de só un chimpo, temos moito que renovar e hai que saltar varias veces mirando de que o número dea en impar.

Neste Allos-con-bugallos falamos do conxuro indicado para a ocasión. A fórmula da frase repítese, con variantes ao longo do territorio aínda que todas coinciden no básico: descríbese o brinco que estamos dando, menciónase o lume e pedimos protección. As variacións prodúcense na escolla das palabras, na extensión do enunciado e no amparo que se solicita.

Analizando o esconxuro

Comezamos polo verbo alusivo ao pulo que damos por riba das lapas, na maioría dos casos saltar, forma procedente do latín saltare, que para nós ten o sentido primeiro de separar o corpo do chan mediante un impulso, mentres que no latín era inicialmente ‘bailar’. Outra opción é salvar, posible co sentido de elevarse por riba daquilo que constitúe un obstáculo. O punto de partida na formación do verbo está no adxectivo salvus -a -um ‘san’ ou ‘enteiro’.

Agárdase que a acción protectora do lume desta noite nos resgarde de calquera maleficio, como o mal de ollo ou o meigallo, pero no conxuro cítase outra demanda de carácter máis concreto e inmediato: a mordedela perniciosa dun can danado ou dunha cobra. Neste caso a variación estriba na escolla do verbo trabar ou morder. Sobre a procedencia, ambos os dous proveñen do latín. Trabar, igual ca traba e trabe, remiten ao substantivo trabs -bis, que se aplicaba tanto ao madeiro groso dunha construción coma ao que servía para inmobilizar un animal. Desde este sentido inicial, acabou utilizándose nalgúns casos como sinónimo de morder, este chegado do verbo mordere.

Os perigos que se mencionan son animais que, coa súa dentada, nos poden arrebatar a vida. O ataque dun can resulta fatal se está infectado da rabia, enfermidade que se transmite ao home por esta vía. No que respecta á cobra, fálase unicamente de dúas especies de víboras velenosas no noso territorio, a máis perigosa delas de distribución escasa, pero calquera serpe é considerada en principio prexudicial.

Dependendo da versión do dito que manexemos pódese localizar a cobra entre o pan. Hoxe en día utilizamos pan para a peza de masa cocida, pero ata non hai moito era común chamarlle pan á planta do cereal coa que facíamos a fariña necesaria. O habitual era facelo co centeo –planta que se cultivaba en todas as partes pola súa adaptabilidade a calquera terreo–. Por iso, cando os nosos avós falaban dunha leira sementada con pan, referíanse a el. E o esconxuro alude claramente aos labores de seitura, cando a exposición á trabada dunha serpe velenosa era maior.

Variacións do conxuro

Entre as variantes que propoñemos, podes escoller a frase coa que vas saltar o lume:

Salto por riba do lume de san Xoán para que non me trabe cadela nin can.

Salto o lume de san Xoán para que non me trabe nin cobra nin can.

Sálvame lume de san Xoán, para que non me trabe nin cadela nin can.

Sálvote lume de san Xoán para que non me trabe cadela nin can nin cantos males han.

Saltar o lume de san Xoán para que non morda cadela nin can nin cobra polo medio do pan.

Salto por riba do lume de san Xoán, para que non me morda cadela nin can nin bicho vivinte que ande polo chan.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir