Praias: Traba

Praia de Traba. Fotografía: Manuel Cifuentes

Oito praias para o verán de 2017

De praia en praia o verán todo! Isto é vida! Mais… de non poderes, propómosche oito areais que son perfectos para estes días de calor.

De norte a sur e da Guarda ao Cantábrico, buscamos as máis fermosas, as que teñen lendas curiosas e historias de interese. Todas xemas mariñas escollidas entre as que máis nos chamaron a atención e que ademais teñen nomes que paga a pena saber de onde veñen. Quedáronnos fóra moitas e moi boas, mais se che gustaron estas, quizais outro ano poidamos facer unha nova rolda. Agardamos que si!

As praias:

Traba | Louro | Doniños | A Lanzada | Rostro | Pantín | Rodas | As Catedrais

Traba na ría de Corme e Laxe

Localización
Boaño, Traba
Concello de Laxe
43º 11′ 39.7″ N – 9º 02′ 19.3″ W

Características
2630 m.
Praia aberta
Area: Fina

Máis información

A praia de Traba, dous quilómetros e medio de areal situado entre Punta Arnao, ao sur, e Punta Traba, polo norte–. O lugar, catalogado como espazo natural protexido, viviu o seu momento máis terrible no ano 2002, o do Prestige, xa que foi unha das zonas máis afectadas pola marea negra.

Un nome con historia real

A Traba foi unha das nosas familias nobres máis poderosas na alta idade media. O primeiro membro ben documentado da liñaxe foi Froila Vermúdez quen rexía dominios que abarcaban boa parte do cuadrante noroeste do país. Seu fillo, Pedro Froilaz, foi o primeiro Conde de Traba e tamén o primeiro en asinar como Conde de Galiza.

Parece demostrado que a dinastía tomou o apelido do nome dunha fortaleza, que continúa sen estar definitivamente localizada. Porén –como sinala o investigador Paulo Martínez Lema no seu traballo sobre a toponimia da comarca de Bergantiños (2009)– o máis probable é que se situase na parroquia de Santiago de Traba, no actual concello de Laxe. O autor tamén defende que a orixe do topónimo podería estar no substantivo latino tabula, que amais da acepción que ten para nós táboa, presentaba outra, referida a un terreo de forma cadrada, o cal por extensión semántica acabou sendo un anaco de terra con esta forma e que ademais é liso e chan, semellando unha táboa puída. Esta característica coincide coa orografía do terreo onde se asenta a freguesía de Santiago de Traba, unha planicie ao nivel do mar. A conexión etimolóxica con tabula xa a sospeitara Sarmiento, tamén identificándoa coa acepción de ‘terreo chairo’. Este significado consérvao o substantivo tabla en determinadas partes do Bierzo.

Unha contorna espectacular

No areal de Traba sopran, practicamente todo o ano, ventos fortísimos que fan as dunas avanzar cara ao interior, empequenecendo a lagoa de Traba, baixo a cal, segundo a lenda, repousa a cidade pantasma de Valverde, que fora asolagada polo apóstolo Santiago, embravecido polo pouco éxito da súa misión naquel lugar. Tampouco se entende que o pescador galileo agarrase tal anoxo, xa que no val de Traba se ergue unha igrexa románica que ten na súa fachada barroca a imaxe do santo, amais das figuras de Adán, Eva, San Pedro e San Francisco. Con independencia do fervor relixioso de cadaquén, paga a pena visitala polo seu valor monumental e as vistas do val desde o adro.

Rodeando o val, atópanse montes como o da Torre da Moa (241 m.), onde hai un recinto castrexo e se descubriron anacos de cerámica romana e medieval. Tamén se di que na zona subterránea deste monte, baixo a enorme rocha que o coroa, está a Capela dos Mouros. En conclusión, que os motivos para descubrires a praia de Traba van máis aló de gozares de tomar o sol, practicares surf ou bañáreste nun areal que se mantén practicamente virxe, xa que podes visitar unha contorna rica desde o punto de vista ecolóxico e histórico.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir