Oito praias para o verán de 2023
De praia en praia o verán todo! Isto é vida! Mais… de non poderes, propómosche oito areais que son perfectos para estes días de calor.
De norte a sur e da Guarda ao Cantábrico, buscamos as máis fermosas, as que teñen lendas curiosas e historias de interese. Todas xemas mariñas escollidas entre as que máis nos chamaron a atención e que ademais teñen nomes que paga a pena saber de onde veñen. Quedáronnos fóra moitas e moi boas, mais se che gustaron estas, quizais outro ano poidamos facer unha nova rolda. Agardamos que si!
As praias:
Traba | Louro | Doniños | A Lanzada | O Rostro | Pantín | Rodas | As Catedrais
As Catedrais en Ribadeo
1.500 m. de lonxitude en marea baixa
Area branca e fina
Bandeira azul
Aquí podes solicitar cita para visitas
Máis información:
ascatedrais.gal
Chamada tradicionalmente Augas Santas, está situada no concello de Ribadeo, na Mariña luguesa, e é unha das praias míticas do país, á que se achegan milleiros de turistas. Tantos, tantos, que houbo que poñer un límite oficial ao número de persoas que poden acceder a ela nun día.
Un nome con moita fortuna para o turismo…
O presidente do Goberno de España, Leopoldo Calvo Sotelo, rebautizou este areal como As Catedrais. Escolleu o nome en alusión á característica forma das rochas que son o emblema da praia.
Malia que a opinión máis estendida é que a forma dos penedos se debe á erosión continuada polo efecto do mar sobre deles, nos últimos anos varias asociacións e colectivos relacionados coa arqueoloxía defenden que, en realidade, os abraiantes monumentos graníticos poderían ser o resultado da intervención humana, concretamente da acción dos romanos como parte da explotación das minas de ouro que presuntamente se localizan no subsolo do lugar (e que son comúns a toda a Mariña).
É evidente que a morfoloxía dos penedos imita a que podería ser a silueta dunha catedral. O nome deste edificio relixioso procede da expresión francesa église cathédrale, fundamentado no latino no substantivo chatedra, -ae, usado para nomear a ‘cadeira episcopal’, de maneira que, a catedral sería en consecuencia ‘o lugar onde están situados os asentos dos bispos’.
O topónimo histórico
Como quedou dito, existe outra forma, a tradicional, de lle chamar ao areal ribadense: trátase do topónimo Augas Santas, reivindicado a día de hoxe como forma propia e lexítima, e que nunca chegou a perderse. Como acontece con outros nomes de lugares do país (o Pico Sacro, a Fonsagrada etc.), este topónimo pode explicarse –como sinala o profesor Cabeza Quiles– como expresión das prácticas naturalistas ancestrais que lles outorgaban aos montes, pedras e fontes, ou ás augas de ríos e mares, un simbolismo sagrado, así como diversas propiedades máxicas. Un sentido animista da paisaxe arraigado na cosmoloxía autóctona desde tempos ancestrais, e moi anterior desde logo, ao espallamento do cristianismo por estas terras.
A praia e as letras
Augas Santas é a denominación preferida tamén polos escritores e escritoras que fixeron referencia ao areal nas súas obras, que non son poucos:
– En 1997, Xabier R. Baixeras publicou Beira norte, onde se inclúe un poema titulado “Dúas praias”; unha delas é precisamente a das Catedrais, onde o poeta viviu parte da súa infancia.
– Para Carmen Blanco, Augas Santas é a protagonista da primeira parte da súa novela Atracción total; para a autora luguesa a praia é un espazo idealizado, perfecto para vivir o amor en completa liberdade.
– Luz Pozo Garza se fixou nesta praia, á que alude no seu libro de poemas Deter o día cunha flor, onde a voz lírica expresa a petición de que o tempo se deteña neste areal.
– A novela A lei das ánimas de Carlos Reigosa tamén dá comezo na praia das Catedrais, xa que os protagonistas lembran o tempo en que a praia non estaba tan masificada polo turismo, cando aínda era coñecida polo seu nome tradicional.
– En 2016, o concello de Ribadeo promoveu a edición de As Catedrais, portas do misterio, un libro de poemas escrito por Xosé Otero, onde cada un dos textos que o compoñen se centra nun elemento único da paisaxe da praia, nalgunha sensación asociada ao lugar ou mesmo no valor eufónico dalgúns dos topónimos da zona.
Todo isto e máis, moito mellor explicado, cóntano os rapaces e rapazas do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, nun fermoso vídeo ambientado na propia praia, onde se inclúen fragmentos de varios dos textos citados.