Praias: Louro

Praia de Louro. Fotografía: Luís Miguel Bugallo Sánchez

Oito praias para o verán de 2023

De praia en praia o verán todo! Isto é vida! Mais… de non poderes, propómosche oito areais que son perfectos para estes días de calor.

De norte a sur e da Guarda ao Cantábrico, buscamos as máis fermosas, as que teñen lendas curiosas e historias de interese. Todas xemas mariñas escollidas entre as que máis nos chamaron a atención e que ademais teñen nomes que paga a pena saber de onde veñen. Quedáronnos fóra moitas e moi boas, mais se che gustaron estas, quizais outro ano poidamos facer unha nova rolda. Agardamos que si!

As praias:

Traba | Louro | Doniños | A Lanzada | O Rostro | Pantín | Rodas | As Catedrais

Louro na ría de Muros e Noia

Localización
Louro, parroquia de Louro
Concello de Muros
42º 45′ 08.8″ N – 9º 05′ 41.4″ W

Características
1400 m.
Praia aberta
Area fina

Máis información

O curuto do monte Louro leva máis de dous millóns de anos custodiando a entrada norte da ría de Muros e Noia. Marca o límite entre as Rías Baixas e a Costa da Morte. Aos seus pés esténdese, pracenteira, a praia de Louro, coñecida tamén como Area Maior, que retén a auga da lagoa de Xarfas. Todo o conxunto forma un enclave que conta coas declaracións de Punto de Interese Xeolóxico e Lugar de Interese Comunitario.

O monte preside a contorna e serve de referencia –“Cando Montelouro ten touca, chuvia, moita ou pouca”–, pero tamén irradiou a súa denominación polas proximidades, á praia, á lagoa e á parroquia. O nome Louro aparece noutros lugares aplicado a asentamentos humanos ou a ríos.

Unha cor que pode ser moitas cores

Para nós, o adxectivo louro pódese referir a aquilo que presenta unha cor dourada ou tamén á da castaña madura. A orixe está no ton escuro, probablemente relacionado coa denominación latina do loureiro, laurus -i, que ten as follas dun verde menos claro ca outras plantas e deixou descendentes en distintas linguas romances, utilizados para os animais de cores escuras.

A etimoloxía de louro non é segura. Cabeza Quiles propón que deriva dunha raíz indoeuropea *lar ou *lor, que significaría inicialmente ‘pedra’ e logo, máis concretamente, ‘pedra loura’, que daría louro aplicado a calquera cousa escura. Apóiase, entre outras razóns, no feito de que, aínda ausente nas obras actuais, aparece no dicionario de Valladares e en textos do XIX co significado de ‘pedra’ ou ‘penedo’ (“brúa o río brincando de louro en louro”, lemos no Álbum de la caridad).

Entre lenda e motivación científica

Cóntase que na lagoa de Xarfas hai unha vila anegada desde que un día de temporal o mar avantou as dunas e asolagou o lugar cos seus moradores. Tamén contan que na noite de san Xoán, emerxen das augas as badaladas das campás e os berros das persoas e animais que pereceron. Máis aló da vertente mitolóxica, a flora e a fauna do lugar ofrecen grande interese.

O ascenso ao cume do monte Louro regala unhas vistas espectaculares, ademais dos vestixios da construción defensiva contra os ataques piratas e da capela que houbo séculos atrás. Tamén nas súas abas hai lugar para lendas, como a do pozo sen fin coñecido co nome do Profundo. Dise que neste lugar hai un tesouro gardado por un boi que se oe bruar nas noites en que o fai o temporal.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir